Imdecum
Procesando...
Imdecum
O Imaxiña 2016 marcha para o IES Alfoz-O Valadouro
Data: 2017-03-15   Lugar: Burela
O galardón do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2016 xa ten destino, o IES Alfoz-O Valadouro. A Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña deu a coñecer onte pola tarde os nomes dos gañadores na sede da entidade en Burela, da man do seu presidente, Marcelino Luna Almarza.
O Imaxiña 2016 marcha para o IES Alfoz-O Valadouro
A edición de 2016 outorgou o premio de Fotografía a unha imaxe de Pablo Goás, de 3º da ESO, cunha orixinal perspectiva da Torre do Mariscal Pardo de Cela, de Alfoz. O xurado, composto polo artista viveirense David Catá e o fotógrafo burelao Héctor Manasé, tamén quixo destacar como finalistas os traballos de dúas alumnas de 4º da ESO: Lucía Carreiras, do Valadouro, co sol como protagonista, e de Andrea Rivas, do IES Perdouro, cunha imaxe ‘diferente’ do porto de Burela. O tribunal do concurso decidiu declarar deserta a vertente de Vídeo.

Durante o acto, no que finalistas e gañador compartiron co público asistente os seus segredos no seu proceso creativo e creador, Marcelino Luna quixo agradecer a colaboración dos artistas mariñáns nos que recaeu a responsabilidade de decidir o Imaxiña 2016, así como a axuda da Área de Cultura da Deputación de Lugo para a devandita actividade e a todos os alumnos que se sentiron atraídos pola proposta da Fundación: “Nesta sexta edición a xuventude da Mariña volveu amosar unha excelente resposta, sobre todo dos IES Alfoz-O Valadouro e Perdouro. Esperamos seguir nesta liña e poder ir ampliando a difusión e repercusión da cita, incidindo sempre nas inquedanzas creativas da mocidade da Mariña”, explicaba o presidente da Fundación.

As imaxes presentadas ao certame mariñán exporanse ata finais de curso nos centros de ensino participantes coa visita de David Catá e Héctor Manasé.
Deputación de Lugo-CulturaImdecum
Apartado de Correos 81, 27880 Burela De Cabo, Galicia, España - 982 88 86 10 - contacto@imdecum.com - Aviso Legal